Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com

Novas

30 aniversario dos Abrentes e o seu VIII Festival de Música Tradicional de Cerdedo

21 de outubro de 2024

O pasado sábado 19 de outubro de 2024 celebrouse o VIII Festival de Música Tradicional no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo ás 20:00 horas. O evento foi organizado pola Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo, coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade, Músicas da Terra de Montes e a Deputación de Pontevedra.

Este ano, o festival tivo un carácter especial, xa que coincidiu co 30 aniversario do grupo de gaitas da asociación organizadora, Os Abrentes de Cerdedo, o que fixo deste evento un momento de celebración e lembranza para todos os presentes.

Aínda que a tarde foi chuviosa, o auditorio encheuse de persoas dispostas a disfrutar da música galega. Os grupos que participaron e fixeron vibrar ao público foron:

O evento foi presentado por Rubén Troitiño, creador do proxecto Músicas da Terra de Montes. Co seu estilo característico, Rubén logrou conectar co público buscando sempre a complicidade, a participación e a aprendizaxe. Ao longo da súa intervención, abordáronse temas como os instrumentos tradicionais que en tempos se tocaban na Terra de Montes, coma a requinta, o pandeiro, o acordeón diatónico ou a zanfona. Tamén se falaron dos bailes de Cerdedo e Soutelo de Montes, onde o público participou contando as súas vivencias e lembranzas de como eran eses bailes nos que a xente ía a pasalo ben.

Outro momento destacado foi a lembranza aos gaiteiros de Soutelo e o centenario do nomeamento de Avelino Cachafeiro como mellor gaiteiro de Galicia, título que recibiu no concurso celebrado na Praza da Quintana de Santiago de Compostela o 28 de xullo de 1924. A Banda de Gaitas de Forcarei, en homenaxe a esta figura histórica, interpretou dous temas dedicados a Avelino, destacando así o seu legado musical.

Como curiosidade, a Banda de Gaitas de Forcarei interpretou a peza "O Candileiro", composta por Rubén Troitiño en homenaxe a Avelino Cachafeiro, mentres que o grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo tocou a "Muiñeira de Lourido", tamén composta por Troitiño. Esta última peza inclúe coplas de tradición oral que falan do pobo de Lourido, en Cerdedo-Cotobade, destacando así a riqueza cultural e patrimonial da zona.

O festival pechouse cunha ovación por parte do público, que recoñeceu a calidade e a emotividade dun evento que non só é un escaparate da nosa música tradicional, senón un espazo para reivindicar e manter viva a nosa memoria cultural. Un ano máis, o VIII Festival de Música Tradicional en Cerdedo consolidouse como un punto de encontro imprescindible para os amantes da música e das tradicións galegas. 

¡Viva a música da nosa terra e parabéns a Os Abrentes de Cerdedo polos seus 30 anos de historia!