Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com

Novas

VII Festival de Música Tradicional de Forcarei

Homenaxe a Manuel Cabada, o gaiteiro de Seoane

05 de maio de 2024

As imaxes captadas o pasado sábado, 7 de maio, no Auditorio de Soutelo de Montes, trascenden o simple momento capturado para converterse en testemuiños dunha celebración de gran significado cultural. O "VII Festival de música tradicional de Forcarei", organizado pola Banda de Gaitas de Forcarei, non só foi unha homenaxe á rica herencia musical galega, senón tamén unha sentida lembranza a Manuel Cabada Muras, o gaiteiro de Seoane.

Neste emocionante evento, ademais da participación da Banda de Gaitas de Forcarei, contouse co talento das pandeireteiras Lus de Keikoa, A. C. Donaire, Cántigas da Terra e de Perdidos al Trío. O acto foi presentado con agarimo e profesionalidade por Vero Rilo, que soubo guiar ao público nun percorrido musical cheo de emoción e tradición.

Quero expresar a miña profunda gratitude a José Antonio Vidueiros e á Banda de Gaitas de Forcarei por invitarme a ser parte deste festival, unha ocasión única para poder facer soar, despois de case 50 anos, o punteiro de Manuel Cabada. Tamén quero agradecer a Sonia Barreiro e á familia de Manuel por confiar en min e confiar este instrumento tan significativo para este evento.

As instantáneas que acompañan a este texto, captadas por Noelia Ratel, non só capturan momentos, senón tamén emocións e lembranzas que perdurarán no tempo, perpetuando así a esencia e o espírito deste inesquecible festival de música tradicional galega.

No seguinte vídeo poderedes escoitar un pequeno anaco da intervención de Rubén Troitiño co punteiro do gaiteiro de Seoano que voltou a soar despois de case 50 anos. 

Vídeo compartido na páxina do Facebook do BNG de Forcarei

Prensa

Forcarei honra a figura dun músico querido por todos, que aprendeu a tocar de oído

Dedícanlle a sétima edición do Festival de Música Tradicional que terá lugar o 7 de maio no auditorio de Soutelo de Montes 

La Voz de Galicia - 24 abr 2022 

A Terra de Montes é fogar de grandes músicos que dignificaron a nosa música dende a máxima humildade e coa paixón de quen emprega a música para facer que a xente pase un bo rato e esquecer as penas dunha vida dura e teimosa. Dende Avelino Cachafeiro, pasando por Ramiro Cortizo ou Pedro Prado, son moitas as figuras que pasaron á historia, coñecidos en toda Galicia polo seu desempeño e servindo de referentes para vindeiras xeracións. Nese grupo de grandes artistas da Terra de Montes está Manuel Cabada Muras, máis coñecido coma o Gaiteiro de Seoane, que recibirá un máis que merecido recoñecemento o próximo 7 de maio coa celebración do Festival de Música Tradicional de Soutelo de Montes. 

Manuel naceu o 22 de xuño de 1909 no lugar de Seoane, en Meavía, de aí o seu alcume. A casa familiar aínda está en pe, aínda que vella, a súa bisneta Sonia asegura entre risas que úsana para curar os chourizos. Ela está levando a cabo unha encomiable tarefa para recuperar a memoria do seu bisavó, traendo ao presente unha vida de traballo, música e amor polos demais. 

O seu primeiro contacto coa música foi con 18 anos, cando empezou a tocar a gaita, porén, non se sabe como lle chegou ese gusto pola música. Do que sí hai constancia é da súa intelixencia e habilidade coma carpinteiro, o seu oficio. Os veciños recordan os traballos «finos» nas casas da zona e mesmo aseguran que fixo unha das primeiras instalacións eléctricas do lugar. Esa capacidade para aprender foille útil, xa que conseguiu dominar non so a gaita, senón tamén o acordeón. Sonia explica que o seu bisavó acababa tocando as cancións de oído, tras escoitalas nas festas. «Todo aprendeuno por oído, ía á festa a escoitar e púñase a tocar coa gaita ata que lle saíse. Tamén as que escoitaba na radio, naqueles tempos non había ninguén na zona que dese clases de música na zona», explica. 

De festa en festa 

Tampouco está moi claro de onde sacou a gaita e mais o acordeón. «Seguramente puido mercalos nalgún sitio co que gañaba de carpinteiro, ademais non era dunha casa pobre», comenta a súa bisneta. Un acordeón que segundo apunta, vendeuno a Jesús de Chamosa, que coleccionaba instrumentos. O caso é que Manuel comezou a facerse coñecido na zona grazas a tocar nas festas e tabernas do seu entorno. Coma Meavía está preto da Estrada, acostumaba tocar en Liripio, Pardemarín, Ribela, Nigoi, na Rapa ou na procesión da Estrada. Ademais tamén tocaba en Forcarei, en Dúas Igrexas ou Quintillán. 

Non o fixo soo, xuntándose con Gerpe, que tocaba o tamboril, e tamén con Gumersindo Filloy, Cumbeliña, que tocaba a pandeireta dun xeito orixinal que causaba sensación. Por desgraza, Gumersindo morreu novo, e tan so quedaron Gerpe e Manuel, que seguiron dando espectáculo alá por onde foran para tocar nas tabernas, en vodas, misas... Aínda que amaba a música, o Gaiteiro de Seoane nunca deixou o seu oficio, alternando as actuacións cos traballos de carpinteiro. 

Aqueles que o coñeceron dan conta da súa amabilidade. Unha persoa cun trato moi cercano, faladeiro que gustaba de relacionarse coa xente e facer gozar ao público coa súa música. No seu repertorio había espazo para cancións coma A Rianxeira, O paraugas de Xosé, así coma mazurcas, xotas e muiñeiras variadas. 

Entre as anécdotas que lle contaron os veciños e familiares a Sonia, garda especial cariño a unha cantiga que cantaba e tocaba cando viña de Liripio na época da recollida do millo que da boa conta do seu carácter alegre e extravertido: «Polo San Xoán, chegando a Seoane polo Monte do Toural. Gaiteiriño, ti que fas polo verán (bis). Todos sachando no millo (bis), e ti coa gaita na man». 

«A Guerra Civil marcoulle moito, non lle gustaba falar dese tema» 

No seu traballo de documentación, a bisneta do Gaiteiro de Seoane tocou cun asunto que mudou a vida de Manuel, a Guerra Civil. «A Guerra Civil marcoulle moito, non lle gustaba falar dese tema», explica Sonia. Da súa etapa na guerra recordan algunhas anécdotas que exemplifican o seu sufrimento. 

A primeira cando recibiu un tiro nun pe ao subir a unha montaña, acabando ingresado no hospital de Burgos. Alí enviaba cartas á familia falando en clave para evitar que á hora de revisar a correspondencia, deran conta do que lles dicía. «Outro dos seus recordos trata dun río que lles obrigaron a cruzar, e como sabía nadar puido facelo, pero ao parecer ía vermello da sangue doutras persoas», sinala. Sonia asegura que tamén marcou a súa vida a morte do seu xenro á idade de 31 anos, téndose que facer cargo dos seus fillos. Porén, seguiu tocando co paso de tempo e recuperando a súa paixón ata o día da súa morte, o 2 de decembro de 1976. 

Corenta e seis anos despois da súa morte chega o momento da súa homenaxe no festival de Soutelo de Montes, que aínda que tarde, enche de orgullo á súa familia. «É a primeira homenaxe que lle fan ao meu bisavó. Fai moita ilusión que coma moitos músicos é a cantidade de xente que honraron, sexa a hora de que llo fagan», sinala.

Faro de Vigo - luns 9 de maio de 2022