Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com

Novas

I Xornadas das Músicas da Terra de Montes
14 novembro de 2022

As I Xornadas das músicas da Terra de Montes nacen a raíz do proxecto Músicas da Terra de Montes do músico Rubén Troitiño. Neste proxecto inténtanse englobar todas as músicas das zonas do vello concello de Cerdedo e concello de Forcarei.

Nos dous días de duración destas xornadas poderedes atopar as seguintes actividades: exposicións, conferencias, presentacións de proxectos, mesa redonda, obradoiros, concertos e ruada aberta.

Sábado 15 de outubro en Cerdedo (Cerdedo-Cotobade) adicado ás bandas de música e o sábado 22 de outubro en Soutelo de Montes (Forcarei) adicado á música tradicional.

Para calquer dúbida, aclaración ou para anotarse nos obradoiros podédelo facer a través da seguinte dirección de correo electrónico: 

musicasdaterrademontes@gmail.com

*Notas: 

Obradoiro: Introducción á tecnoloxía, mantemento e reparación dos intrumentos de vento madeira

*Aforo máximo de 25 persoas por orde de inscrición previa

Este obradorio vai orientado ao alumado, profesionais e mestres de instrumentos de vento madeira (clarinete, saxofón, oboe...) e de instrumentos tradicionais galegos (gaita, requinta...). En xeral, calquera persoa interesada na construcción ou funcionamento dos instrumentos de vento madeira.

Entre os seus obxectivos está dotar aos participantes duns coñecementos básicos acerca dos procesos de construcción e funcionamento do instrumentos de vento madeira: comprender a natureza da madeira e o seu comportamento, comprender os aspectos máis salientables do mecanismo dos instrumentos, adquirir coñecementos e habilidades  básicas para o mantemento da madeira e poder prever fendas e outros problemas ou adquirir coñecementos e habilidades básicas para solucionar por nós mesmos os problemas técnicos máis habituais derivados do uso dirario.

Placa conmemorativa: Homenaxe ás bandas de música de Cerdedo

Exposición: As bandas de música de Cerdedo

Nesta exposición poderemos ver fotografías orixinais das bandas de música de Cerdedo, a meirande parte delas con máis de 50 anos de antigüidade ademáis de mostrar algúns dos instrumentos que pertenceran ás diferentes bandas, así como parte das partituras que conformaban os seus repertorios. 

Conferencia: As bandas de música de Cerdedo

As bandas de música marcaron un século enteiro da vida sociocultural de Cerdedo. No período que abrangue a segunda metade do século XIX e a primeira metade do XX funcionaron nesta vila alomenos catro bandas de música, ás veces de xeito simultáneo. Ademais, os músicos de Cerdedo mesmo fundaron bandas en outras localidades, coma Campo Lameiro ou A Cañiza. A pesares dunha historia musical tan prolífica, as referencias bibliográficas ao respecto son tan escasas que poden ser consideradas como anecdóticas. Unha historia que, a piques de ser esquecida, nunca tivo recoñecemento público dabondo. Nesta charla intetarase reconstruir a historia das bandas cerdedenses nun apaixonante percorrido que nos leva a rememorar multitude de situacións e anécdotas.

A historia das bandas é tamén a daquela xente que formaba parte delas. Así, ademais presentar a todos os directores, aportaranse datos biográficos de preto de 140 músicos que formaron parte dalgunha destas agrupacións. Todo isto ilustrado cunha gran cantidade de fotografías, a meirande parte delas con máis de 50 anos de antigüidade.

Concertos

Banda de música de Forcarei

A asociación Músico-Cultural Flor do Toxo nace en Forcarei a finais do século XX, da man dos músicos militares Santiago Neva e Xavier Morgade. Sendo Santiago Neva o profesor de linguaxe, vento metal e director da banda; e Xavier Morgade o profesor de vento madeira. 

Tras uns cursos formando músicos a súa primeira actuación é no Colexio de Forcarei, no festival de finde curso, co obxetivo de dar a coñecer a Asociación e a propia banda, que nese momento contaba con 15 músicos. 

No 2000, prodúcese un cambio na dirección da banda e chega o novo director Roberto Hermida Rey, que se encargaría tamén das clases de linguaxe e vento metal, e o profesor de vento madeira Braulio Manuel Cao Ledo. 

A finais do 2006, encárgase da banda Daniel Sánchez Barran, trombonista da Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela. 

Coa xubilación de Daniel, no ano 2018, collen o testigo da banda un grupo de compoñentes, todos formados na banda. Deciden cambiarlle o nome e chamarse Banda de Música Municipal de Forcarei e crear a Academia de Música “Terra de Montes”, na que actualmente contan con 18 alumnos de todas as idades. Actualmente a banda conta con 25 músicos, entre alumnos e músicos colaboradores e está dirixida polo clarinetista Saúl Liñares Pereira

Banda de música de Cerdedo

A Banda de Música de Cerdedo nace na segunda metade do século XIX, alá polo ano 1850 da man dos irmáns Antonio e Francisco García Fernández, consolidándose a agrupación co polifacético mestre, Campio García, quen colleu a dirección da banda na década de 1870. 

Despois de máis de 100 anos de historia, desaparece definitivamente na década de 1950, non sen antes sufrir diversas escisións das cales xurdiron outras agrupacións no concello e períodos de menor actividade por causa da guerra e a emigración. 

A Banda de Música de Cerdedo estivo dirixida durante eses máis de cen anos por Mestres coma: Antonio García Fernández, Campio García Silva, o tamén recoñecido compositor Constantino Paz, Xosé Benito García ou Manuel Monteagudo “Touqueira” entre outros 

Despois de máis de 50 anos sen banda de música nun concello con tanta tradición musical como Cerdedo, créase no ano 2014 a Escola de Música de Cerdedo, contando con case 40 alumnos no seu primeiro ano de funcionamento. 

Ao abeiro da Escola de Música nace a Banda de Música de Cerdedo. Esta agrupación foi creada para recuperar a tradición musical bandística deste concello e para dar cabida aos intereses musicais dos alumnos da escola e doutros músicos do concello. 

No mes de outubro de 2014 comezan os seus ensaios e en xaneiro de 2015 fai o seu primeiro concerto no festival de Nadal da Escola de Música contando con un gran respaldo do público cerdedense ansioso por ver renacer a banda do seu pobo. 

Ao longo dos seus primeiros anos de vida realiza varios concertos pola xeografía galega, destacando os concertos temáticos realizados nas festas patronais do Divino Ecce Homo, o concerto na praza de Praterias en Santiago de Compostela, a participación no Ciclo “O País das Bandas” e organiza o seu propio festival de Bandas de Música de Cerdedo. 

A Banda conta con unha sección infantil e xuvenil que auguran o futuro da agrupación. Na actualidade está formada por 40 músicos, entre alumnos e profesores da escola de música e dirixida polo mestre galego, José Luis Loureiro Durán.

Teresa Cuíñas Lavandeira

Teresa Cuíñas Lavandeira (Pontevedra, 1976). Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Diploma de Estudos Avanzados en Teoría da Literatura pola mesma institución académica. Na universidade compostelá, desempeñou durante varios anos a secretaría técnica da Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’. A súa actividade profesional nos medios de comunicación empezou con colaboracións en programas informativos de CNN+ e de Atlas Galicia e de entretemento en Cadena Noroeste e TVE. Levou o servizo de prensa da Semana Galega de Filosofía e, tamén ao longo de varias edicións, dirixiu o gabinete de comunicación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Traballou nos Servizos Informativos de RNE, colaborou co xornal El País na sección de cultura e creou a web www.rockandcook.es, sobre música e cociña. Escribe na revista musical Rockdelux e, desde 2006, é redactora dos Servizos Informativos da Televisión de Galicia na delegación de Vigo.  Xunto co crítico musical Pepe Cunha, é comisaria da exposición Cantámola en galego (2000-2020), promovida pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e inaugurada en maio de 2021. Editora, tradutora e prologuista do volume Cancións de Xela Arias, publicado por Xerais (Vigo, 2021). Na actualidade, xunto coa xornalista e escritora Eva Mejuto, edita e presenta o podcast Entreliñas, sobre literatura galega e bibliotecas públicas, para a Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

Ubicacións das actividades

Centro Cultural de Cerdedo - Rúa das Longas, 12 - Cerdedo (Cerdedo-Cotobade) - Pontevedra

Escola de música de Cerdedo - Rúa das Longas, s/n - Cerdedo (Cerdedo-Cotobade) - Pontevedra

Programa do sábado 22 de outubro
adicado á música tradicional

Exposición: As músicas da Terra de Montes

Percorrido onde poderemos ver fotografías e instrumentos do proxecto músicas da Terra de Montes, encadrado dentro do CETMO (Centro Etnográfico da Terra de Montes). Algúns dos materiais pertencen á colección privada de Rubén Troitiño e outros foron cedidos para a ocasión polas veciñas e veciños da contorna. 

Poderemos ver documentos orixinais de publicacións de principios do século vinte, ou mesmo as gaitas dos gaiteiros Manuel Cabada (o gaiteiro de Seoane), Julio Durán, Pedro Prado, Adelino Pichel (o gaiteiro de Sorribas), Ramiro Cortizo (o capador de Muras) ou mesmo os punteiros de Avelino Cachafeiro (o gaiteiro de Soutelo).

Conferencia: Arquivo virtual das músicas da Terra de Montes

Presentación do "Arquivo virtual das músicas da Terra de Montes" ademáis dunha pequena visita guiada pola exposición dos instrumentos, fotografías e demáis obxectos relacionados coas músicas da Terra de Montes da man de Rubén Troitiño.

Presentación do libro "O toque pechado" de Pablo Seoane

Logo de 2 anos de intenso traballo, Pablo Seoane, de Cacheiras – Teo, decide editar este traballo coa idea de poder axudar a todos/as os/as gaiteiros/as que se propoñan aprender ou mellorar no toque pechado para a gaita de fol galega. 

A idea, que xa facía tempo que estaba enriba da mesa, levouse a cabo durante o confinamento por mor da Covid-19. Moita xente do sector da música e baile tradicional, deixaron de ter actividade, tanto docente coma artística, polo que era o momento de poder facelo. 

O autor, coñecido intérprete deste xeito de tocar, despois do traballo de transcrición de audios, edición de partituras, análise das mesmas (a maior parte do seu arquivo persoal) e de actualizar e poñer ó día anos e anos de traballo, presenta nesta publicación, unha boa escolma de exercicios específicos e 150 partituras divididas en 3 niveis de dificultade, para que os/as gaiteiro/as poidan traballar en calquera dos distintos xeitos de tocar pechado na gaita galega. 

Segundo a experiencia do autor coma gaiteiro e docente, a mellor forma de dominar calquera dos distintos estilos de toque pechado que existe en Galicia, é traballando con exercicios previos e tamén, por suposto, coas músicas axeitadas a este xeito de tocar. 

Todas as partituras que aparecen no libro son tradicionais, e aínda que están pensadas para o toque pechado, pódense, por suposto, interpretar coa dixitación aberta, e completar o repertorio de calquera gaiteiro/a.

Mesa redonda: as ruadas

Alba Faro

Alba Faro Barros, educadora, psicopedagoga e mestra de canto e percusión tradicional na Asociación Cultural Rebulir de Ramirás (Ourense), na Asociación Cear Castromao de Mondariz e Algazara de Celeiros (Ponteareas). 

Establece contacto coa música tradicional a través da súa avoa comezando dende moi nova a recoller e compilar músicas e saberes de informantes da súa zona. Remata estudos superiores na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk E-trad de Vigo na especialidade de Canto Tradicional e ingresa na Orquestra Folk de Galicia SondeSeu. 

Vocalista do grupo de música folk Arxe, ten colaborado en proxectos artísticos e musicais como SON de Nova Galega de Danza, “Alcoucer” dos Terrible de Donas, “Peixe” de Xisco Feijoo e recentemente en “CREDO” novo proxecto de Nova Galega de Danza.

Guillerme Ignacio

O Morrazo, 1978.

É diplomado en Educación Musical, músico (O Tear de Llerena, Quempallou…) e mestre de Canto tradicional e pandeireta (Retrouso de Cela, Meiramar-Axóuxeres…). Ten ampla experiencia na recolleita da tradición oral galega, especialmente arredor do canto acompañado de percusión. Participa como asesor musical do programa Alalá da TVG en diversos capítulos, entre 2009 e 2013. Ten producido unha serie de traballos musicais protagonizados polos propios portadores da tradición oral: “José Fernández Canosa. O Ghaiteiro do Piñeiro” (Do Cumio, 2009), “Pandeireteiras de Barro de Arén. Cerdediño p’r’os amores” (Phonos, 2005), “Pandeireteiras de Toutón. Serán en Toutón” (Do Cumio, 2014), ou “Elelelos: Músicas de tradición oral no Concello de Bueu” (autoedición, 2014). En 2016 forma xunto coa etnomusicóloga viguesa Xulia Feixoo o grupo de traballo Arredor da tradición, publicando en conxunto ata o de agora o libro-cd "Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral" (ACentral Folque, 2017). En 2022 edita a monografía “Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo” (SAGA, 2022).

Ismael Ferrón

Obradoiro: Nós habemos de ruar...

Unha introdución xenérica ás ruadas na Terra de Montes, achegándonos a elas dende a pandeireta, o canto, e o baile tradicional. Que peculiaridades tiñan, a respecto doutras zonas? Onde e con que frecuencia se facían? Eran semellantes en toda a contorna, ou existen diferencias? Iremos debullando estas e outras cuestións a través da análise do repertorio musical e de baile, e poñendo os resultados en práctica, aprendendo puntos e dinámicas diferentes no baile e na pandeireta.

Concertos

Os Charanghaitos

Este grupo de 9 músicos participan en festivais folk, en cantos de taberna, amenizan festas e romarias. É un grupo multidisciplinar cunha amplia formación musical que adaptan o seu repertorio as características do evento no que participen.

Lus de Keikoa

Grupo de pandereteiras que nace no ano 2015 no seo da escola da Banda de Gaitas do Concello de Forcarei. O seu nome procede da linguaxe dos canteiros, moi característico da Terra de Montes e significa " vamos de Festa". Interpretan todo tipo de cancións tradicionais. Actualmente está dirixido por Juan Manuel Vidueiros Sánchez.

Pandeireteiras do Val de Quireza

As Pandereteiras do Val de Quireza é un grupo de música tradicional formado no ano 2008 por mulleres da contorna do val que lle da nome ao grupo, Quireza. 

As ganas de cantar e de xuntarse propiciaron a súa creación, onde avoas, netas, primas e veciñas conviven nun ambiente festeiro onde prima a diversidade de idades.

Nun primeiro momento, o grupo contaba só con mulleres, pero na actualidade, varios homes forman parte da agrupación.

Muiñeiras, pasodobres, xotas, foliadas... o noso repertorio está formado por cantigas tradicionais onde, algunhas coplas, foron recompiladas ás mulleres das nosas familias, conservando así a tradición.

O grupo conta cunha sección instrumental, creada con posterioridade, composta por gaiteiras, tamborileira e bombeira, que se encargan de acompañar ás voces e as pandeiretas nalgunhas pezas.

“Carretera de Quireza
as areas botan flores
por aquela carretera
pasean os meus amores.”

Os Abrentes de Cerdedo

O grupo de música tradicional Os Abrentes de Cerdedo naceu a partir dunha idea municipal. Fundouse no ano 1994. Isto dou lugar a unha asociación cultural, Os Arxinas, que comprendía grupo de baile, e o grupo tradicional de gaitas, Os Abrentes. Co paso do tempo desfíxose a Asociación Cultural Arxina quedando no seu lugar a A. C. Os Abrentes de Cerdedo.

A Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo foi creada para a conservación, o estudo e a difusión da música tradicional como parte fundamental da cultura e tradición do pobo galego, centrando o seu estudo na comarca Deza-Tabeirós Terra de Montes.

Na súa traxectoria de máis de vinte anos cabe destacar que no ano 2009, o programa Alalá da Televisión de Galicia adicou un episodio á historia da asociación cultural mostrando todo o traballo que esta realiza. Ademáis disto, o grupo de gaitas ten participado noutros espazos televisivos desta canle coma o Aquí Galicia, Galicia Enteira, O país máis grande do mundo ou Luar.

Diversas festas de interese ademáis de homenaxes e congresos: Festa do Gateiro de Soutelo (XVIII, XXIII, XXIV...) (Soutelo de Montes – Forcarei), Festa da Fervenza (Vimianzo), Xacobeo´06 e ´07: Vai de Camiño (Vilaboa e Sanxenxo), A Rapa das Bestas (Sabucedo – A Estrada), 28 Congreso Nacional de Farmacoloxía (Santiago de Compostela), Festa da Vincha (VIII e X) (Cerdedo), Festa Gastronómica do Xabarín (III, IV, V e VI) (Cerdedo), 57 Congreso Nacional de Pediatría (Santiago de Compostela), Feira Franca (Pontevedra), XV Festa da Anguía (Pontesampaio), Foliada do demo (Pontevedra), Músicas de Taberna (Pontevedra), Certame Nacional Galego de narracións breves: Premio Modesto R. Figueiredo (Cerdedo), Homenaxe a D. Álvaro Fernández Fiuza (Cotobade), XXXVIII Festa do Requeixo (Cotobade), III Festa do pan de millo e ovo (Cotobade), XV Festa do Cogumelo (Soutelo de Montes – Forcarei)

Na actualidade, a Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo, está integrada polo Grupo de gaitas tradicionais Os Abrentes de Cerdedo.

Músiques Ceives

Músiques Ceives é un colectivo de recente creación afincado en Cerdedo, feito co obxectivo de difundir o repertorio de pandeireta, canto e baile tradicional da Terra de Montes, e ao mesmo tempo organizar distintas actividades e ofrecer unha alternativa de formación na música tradicional na contorna. 

Logo dun primeiro ano de andaina, creáronse as aulas de pandeireta, canto e baile, e organizouse a primeira Ruada de Cerdedo, que tivo moi boa acollida e participación, e a xeira continúa coa intención de ampliar a escola ás parroquias e poboacións veciñas.

Banda de gaitas do concello de Forcarei

Arrolados polo bater das follas dos carballos na Terra de Montes, polo son das fervenzas en inverno e o repenicar da choiva na pedra, nace no 2006 a Banda de Gaitas de Forcarei, sempre da man amiga e impulsora de David Raposeiras Correa e o concelleiro Javier Álvarez Bértolo; que se deixaron inspirar pola terra dos gaiteiros para crear esta formación, que tería como eixo principal a lembranza da figura de Avelino Cachafeiro, “ O gaiteiro de Soutelo”. 

Actualmente conta con case 50 músicos que veñen da Escola da Banda, una canteira en continuo crecemento. Esta formación colaborou con distintas agrupacións, como bandas de música populares galegas e internacionais, grupos de baile tradicional, coros ou grupos de música actual e con recoñecidos artistas do panorama actual galego. 

A personalidade camaleónica e aberta da Banda fan que o seu repertorio esté sempre actualizado con reinterpretacións da música tradicional e popular galega, incluíndo formacións musicais orixinais e arranxos de recoñecidos compositores. A Banda de Gaitas de Forcarei fai extensible no tempo o legado musical dos Gaiteiros de Soutelo, outorgándolle á Muiñeira de Chantada o lugar privilexiado que merece dentro dos seus programas musicais. Ademáis, dentro das súas labores de conservación do patrimonio do seu entorno, organiza unha homenaxe anual a unha figura significativa da zona, enmarcado dentro do seu propio festival de música de primavera. 

Cabe destacar que participou na 43º Edición do Festival Intercéltico de Lorient no ano 2013, un referente máxico e internacional, e nese mesmo ano no Mercatino di Natale dei Popoli no pobo italiano de Rovereto. Realizou numerosas actuacións pola península, Santander, Granollers, Madrid e Portugal. Pechou a derradeira noite da 31º Edición do Festival Celta de Ortigueira levando a un público moi heteroxéneo o seu sentimento, as súas muiñeiras e o seu bo facer . Foi invitada polas Bandas mais prestixiosas da nosa comunidade: Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela concerto de Nadal no Auditorio de Galicia, Banda Municipal da Coruña nas festas de María Pita, Municipal de Pontevedra no Concerto das Letras Galegas, Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Silleda... No ano 2019 participou xunto coa Banda de Música de Silleda no “Compostela Trad Fest” estreando o espectáculo “Os Camiños de Breogán” na praza da Quintana. Ese mesmo ano foi seleccionada para participar no Concerto de Apertura do 49º Festival Intercéltico de Lorient, Edición adicada a Galicia, no Gran Teatro de Lorient acadando un notable éxito do público. 

Actuou con numerosos artistas do noso país como Begoña Lorenzo, Uxía Senlle, Davide Salvado, Anxo Lorenzo, Abraham Cupeiro, José Manuel López “Josele”, Pablo Seoane entre outros... 

Actualmente está dirixida polos mestres: Manuel Otero Rodríguez, José Antonio Vidueiros e Samuel.

Malores Villanueva Gesteira

Malores Villanueva Gesteira (A Xesteira, Cotobade, 1982) é profesora, tradutora, editora, crítica literaria e doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. Como investigadora está especializada en sociolingüística e en historia da lingua, fundamentalmente no período da ditadura franquista. É autora dos libros Lingua e sociedade, a aldea da Xesteira (2006) e A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo (2010), gañadores do Premio Antón Fraguas de Investigación e do Premio novos investigadores: Humanidades e ciencias sociais, respectivamente. En 2019 deu ao prelo a biografía Antonio Fraguas, mestre da memoria. Ten publicados artigos en volumes colectivos e en revistas especializadas como Grial, A Trabe de Ouro, Estudos de Lingüística Galega, Madrygal, Sarmiento ou o Boletín da Real Academia Galega. Tamén se encargou das traducións do catalán ao galego das obras Almas de algodón (2015) e O cidadán perfecto (2017). Como crítica literaria, ademais de recensións en diferentes revistas, participou semanalmente no programa Chamando á terra da Radio Galega, entre 2017 e 2018. Foi Directora de edición e comunicación da Editorial Galaxia e, actualmente, é Padroeira da Fundación Penzol, da Fundación Premios da Crítica e forma parte do Consello Social da Lingua do Concello de Vigo. Na actualidade é docente no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, colabora no suplemento cultural Fugas, de La Voz de Galicia e no programa da TVG, ZigZag.

Ruada aberta

Trae o teu instrumento e disfruta dunha ruada aberta no CEIP de Soutelo de Montes a partir das 22:00h. Se queres anotarte ou anotar o teu grupo podes facelo alí mesmo ou por correo electrónico: musicasdaterrademontes@gmail.com

Ubicacións das actividades

Multiusos de Soutelo de Montes - Rúa da Piscina, 20 - Soutelo de Montes (Forcarei) - Pontevedra

CEIP de Soutelo de Montes - Rúa do Grupo Escolar, 31 - Soutelo de Montes (Forcarei) - Pontevedra

Prensa

Entidades colaboradoras