Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com

Novas

Participación na XLV Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes

1 de setembro de 2024

Participación na XLV Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes, conmemorando o 100 aniversario de Avelino Cachafeiro como mellor gaiteiro de Galicia

Na XLV Festa do Gaiteiro, xunto a Alejo Amoedo; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e pregoeira da festa deste ano; e Verónica Pichel, alcaldesa do Concello de Forcarei. Tiven a honra de participar un ano máis nesta festa, intervindo cun dos punteiros orixinais de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo.

O pasado sábado, 31 de agosto, tiven o pracer de participar nos actos da mañá da XLV Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes, unha cita cultural ineludible na que se conmemorou o 100 aniversario da proclamación de Avelino Cachafeiro como mellor gaiteiro de Galicia. Este ano, a festa celebrouse cunha especial emoción, lembrando a figura de Cachafeiro como un dos máximos expoñentes da música tradicional galega e embaixador da nosa cultura.

O pregón foi lido por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, quen destacou o papel fundamental de Avelino Cachafeiro na transmisión do patrimonio musical galego. Acompañeina interpretando a peza “Eicho de dar queridiña” empregando un punteiro orixinal, acompañado polo percusionista Jesús Pérez Soto.

O acto contou tamén coa participación da Banda de Gaitas do Concello de Forcarei, que interpretou o himno galego, e realizouse unha emotiva ofrenda floral no monumento ao Gaiteiro, un símbolo de recoñecemento a todos os gaiteiros que manteñen viva a nosa tradición. O peche do evento foi marcado pola Muiñeira de Chantada, que puxo o broche de ouro a unha xornada inesquecible.

A pesar de que as predicións meteorolóxicas anunciaban a posibilidade de chuvia, nada puido deter aos amantes da música tradicional galega, que encheron Soutelo de Montes para participar nesta celebración.

A XLV Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes foi, sen dúbida, unha homenaxe á nosa cultura e á figura inmemorial de Avelino Cachafeiro, un verdadeiro referente para as xeracións actuais e futuras.